lunes, 22 de agosto de 2011

PAVEMENT: Slanted and enchanted.1992


Por Marcosdeaurita.

Teño que recoñecer que aínda que son un amante do ruído e a distorsión, a primeira vez que escoite `No Life Singed Her´, non asimilei ese desorde inicial e aos 10 segundos xa fixen un xuízo rápido (e equivocado). Pero afortunadamente nunha segunda oportunidade o resultado dese xuízo foi totalmente diferente, e a experiencia inesquecible.

Stephen Malkmus, líder da banda, afirma que nos sesenta, moitas bandas tentaban copiar aos Stones e non conseguían facelo, pero creaban algo novo e moi interesante. É así como progresa a música, grazas a músicos que levan máis aló a creación musical partindo dos sons da súa época. E iso foi o que fixo Pavement, bebendo de The Velvet Underground, The Fall, Dinosaur Jr. e os incribles Slint, e cun Malkmus interpretando os temas entre o falsete dylaniano e a desgana de Lou Reed. Pero Pavement non soan a nada diso (e a todo ao mesmo tempo).

Herdeiros (ao igual que Sebadoh e Guided By Voices) da estética “lo-fi”, non se preocupan nin polo refinamento sonoro nin por facer explícitas letras, cunha actitude creativa máis preto do minimalismo e a experimentación, con excelentes melodías envoltas en enxordecedoras ondas de ruído e distorsión.

En 1.989 Stephen Malkmus (voz/guitarra) e o seu amigo da infancia Scott Kannberg (guitarra/voz) xúntanse en Stockton, California, e gravan o primeiro EP do grupo “Slay Tracks: (1933-1969)” no estudio Louder Than You Think do pintoresco batería ex-hippie Gary Young, que se uniría a eles en 1.990. Máis tarde entraron na formación Mark Ibold (baixo) e un segundo batería, Bob Nastanovich (máis tarde Steve West substituiría a Young despois da xira de Slanted And Enchanted en 1.993).

Estamos nas vésperas de algo grande, referímonos a “Slanted And Enchanted” , o inesquecible primeiro LP da banda. Gravado entre decembro de 1.990 e xaneiro de 1.991, case integramente no citado Louder Than You Think e producido polo propio grupo, non vería a luz ata o ano seguinte. A pesar disto causou unha gran impresión na crítica especializada incluso antes da súa publicación. E non era para menos, xa que nos atopamos ante un dos mellores discos dos noventa, e xa que citamos as influencias do grupo tamén podemos dicir que este se convertería en influencia para innumerables bandas de aquí en adiante.

Envolto nun maxistral ritmo canso e cunhas letras intelixentes á par que desconcertantes o disco comeza coas luminosas guitarras de `Summer Babe (Winter Version)´, todo un clásico do grupo. `Trigger Cut / Wounded-Kite at :17´ ben puideron asinala os propios Stones se houbesen comezado a súa carreira nos 90, e a rabiosa `No Life Singed Her´ que nace no caos, discorre na melodía e desemboca nun so de guitarra nada habitual. Isto é moi habitual en Pavement, envolver no desorde e o ruído as melodías das súas cancións, que finalmente resultan deliciosas. `In The Mouth A Desert´ comeza pausada e vai medrando en intensidade vocal, ruído e distorsión, pero sen chegar a estoupar , non como ocorre en `Conduit for Sale!´, recitada máis que cantada, nun rexistro moi preto do “hip-hop”, dando mostras, dunha forma moi sutil, dunha grande orixinalidade, ó igual que en `Fame Throwa´ e `Chesley´s Little Wrists´ onde se manifestan uns Pavement delirantes e ó contrario que en `Zurich Is Stained´ onde amosan unha face máis sosegada, talante que alcanza o cume na melancólica `Here´, cun comezo memorable, “I was dressed for success/ but success it never comes” (Vestinme para o éxito / pero o éxito nunca chegou), xusto o contrario do que lles ía acontecer aos de Stockton.

En `Jackals, False Grails: The Lonesome Era´ adoptan a súa vertente máis ruidosa, e en `Loretta Scars´ e `Perfume-V´ as guitarras distorsionadas desprenden melodías envolventes rompendo os esquemas convencionais da canción pop, como xa fixeran antes The Fall e os Pixies, nunha fórmula moi habitual na banda. Volven a sorprendernos con `Two States´ que invita a saltar cun ritmo repetitivo e pegadizo, e pecha a sublime `Our Singer´ (cunha soberbia batería, soberbia durante todo o disco) que é outras das xemas dun “Slanted And Enchanted” no que a admiración medra coa escoita, ¿ata onde? terás que descubrilo ti mesmo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario