jueves, 11 de agosto de 2011

HÜSKER DÜ. Metal Circus. 1983

by marcosdeaurita

"A razón da ruptura da banda era que estábamos fartos uns dos outros". Con estas palabras Bob Mould (guitarra, voz) -un dos guitarristas máis interesantes dos oitenta obtendo un son cheo de matices e texturas e o mesmo tempo sucio e caótico- poñía fin a calquera conxectura sobre a separación de Hüsker Dü entre elas as que apuntaban a adicción ás drogas de Grant Hart (batería, voz) -atronador nas baquetas, a metade creativa máis pop e doce do grupo- como detonante. O certo é que as relacións persoais entre Mould e Hart estaban bastante deterioradas e as cousas con Greg Norton (baixo) tampouco ían demasiado ben. A parella Mould-Hart é a responsable de case a totalidade dos temas de Hüsker Dü é xuntos formaron un binomio de xenios incapaces de convivir xuntos demasiado tempo pero que nos deixan xoias da calidade de "Diane", "It´s Not Funny Anymore", "Girl Who Lives On Heaven Hill", "Don´t Want To Know If You Are Lonely", "Green Eyes" ou "New Day Rising".
Durante seis anos (1.982-87) facturaron oito discos, nos que mantiveron o listón moi alto. Non chegaron a alcanzar a notoriedade de outros contemporáneos como REM, en parte debido a que a separación de Hüsker Dü é previa a explosión mediática do rock americano independente a finais dos oitenta. A pesar diso son recoñecidos como unha das bandas máis influentes de finais de século. A súa separación deu lugar ás prolíficas carreiras en solitario sobre todo de Mould (Sugar) e Hart (Nova Mob), pero esa é outra historia...
Quizais en ningunha das súas entregas captaron tan ben a urxencia do seu son como en "Metal Circus", un disco que en pouco máis de dezaoito minutos demostra o porqué da transcendencia de Hüsker Dü na música actual, e é seguramente o primeiro sinal de grandeza do grupo. Conflúen neste disco o hardcore máis directo, o punk máis sinxelo e a melodía pop máis clásica, sons que ata daquela permanecerán illados entre si.
Enérxico, cru, volátil, e sobre todo inconfundible. O son de Hüsker Dü queda patente neste disco e quizais sexa unha das marcas da casa, semellante ó de outras obras como "Everything Falls Apart" ou "New Day Rising". O seu son non se achegaba a nada convencional e se a iso unimos as súas peculiaridades en canto ó estilo o resultado realmente parece bastante desconcertante nun principio. Segundo Hart isto pode ter unha explicación: "Nunca fun capaz de asimilar influencias. Supoño que se debe a que os dezaseis anos, un antes de formar o grupo, nunca escoitara música rock. Isto debeume condicionar para que saíse algo orixinal..."
O disco desprende enerxía xa desde o comezo coa brutal "Real World", un tema de aires hardcore cun coro moi pop e un fondo melódico moi acusado, algo que sería habitual no son da banda. "Deadly Skies" é un risco punk bastante acelerado, propio da época, que ben poderían haber asinado Black Flag ou Bad Brains, destacando poderosamente a guitarra de Mould que parece ter vida propia. Con "It´s Not Funny Anymore" estamos ante unha das mellores composicións dos de Minneapolis sen lugar a dúbidas, é sinxelamente prodixiosa, sinxelamente pop e unha demostración da súa versatilidade. "First Of The Last Calls" retoma a enerxía punk novamente con tinturas melódicas, que desaparecen case por completo na esmagadora "Lifeline". O final é digno dunha obra mestra: "Diane" é a un tempo fermosa e macabra, luminosa e escura, xeada e cálida, acadando o disco un clímax que só podería ter solución de continuidade coa delirante "Out On A Limb" interpretada dende as entrañas da paranoia. En canto as letras, mentres outras bandas da época expoñían mensaxes e slogans políticos, Hüsker Dü explora as cuestións reais e persoais da vida e os sentimentos sinceros, como soen facer as grandes bandas de rock de todos os tempos.
Demasiado rápidos para englobalos no pop rock americano dos oitenta, pero non o suficiente como para clasificar dentro do punk, Hüsker Dü deixounos un legado que moi poucas bandas igualan chegando a converterse nun dos maiores expoñentes musicais dos oitenta, á altura de outras bandas como Sonic Youth, Pixies ou os citados REM, tanto pola súa orixinalidade como pola súa influencia posterior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario