sábado, 13 de agosto de 2011

OTIS REDDING. Otis Blue. 1965

Otis debía de ser consciente de que non lle quedaba moito tempo. Dende o mais profundo do seu ser tivo que sentir que a vida se lle escapaba entre os dedos das mans. So así son capaz de explicar esta urxencia, este desborde de paixón que adorna a rodaja que da voltas no tocadiscos: o mítico Otis Blue.

Era 10 de decembro, ano 67, cando a avioneta na que voaba Otis se precipitou ó vacío, e con ela a alma do mais soul dos cantantes. A voz que me fai voar ainda estando deitado cando soa na habitación, partiuse precisamente caendo do ceo. Penso realmente que a súa alma non caeu, senon que subiu directamente a ese lugar ocupado polos mais grandes, os que foron capaces de facernos sentir cousas que de outra maneira nin imaxinaríamos que existían.

Ese día facía dous anos e medio que entrou no estudio de Stax Records en Memphis para grabar os temas do seu terceiro album. Aquela sesión, que di a lenda que non durou mais de 24 horas, debeu ser máxica.
Os músicos eran conscientes de que estaban grabando algo para a historia. Supoño que as cervexas de despois tiveron que saber a gloria. Imaxino a Steve Crooper ó lado de Duck Dunn e falando do que acababan de facer. Impagable.

Disco de morte e redención, de loita social e individual, pero sobre todo de amor. A morte e o amor xuntanse na persoa de Sam Cooke, idolo para Otis que falecera había pouco tempo a mans de unha das súas multiples amantes. Tres temas se interpretan do gran Cooke: A change is gonna come, Shake e Wonderful world. Tres patas de un mismo banco, tres iconos do soul interpretados polo alumno mais grande e dedicadas ó maestro desaparecido.

Teño que recoñecelo, un escalofrío cruza o meu corpo, e temblo coma un neno pequeno a punto do llanto cando escoito A Change is gonna come. Poucas cancións producen este efecto, pero é como a mais dura das drogas, pura adicción. Elevada ós altares como himno de protesta ante os conflictos raciais, a verdade é que un extrapolao á súa propia vida. Os cambios dan medo, pero a veces merece a pena loitar por eles ainda que nos estrellemos contra a situación establecida no intento.

O outro tema do disco que me fai sentir algo parecido é, como non, I´ve been loving you too long. Non son capaz de facer literatura con esta canción, por verdadeiro medo a non estar á súa altura, por iso so expresarei un recordo lonxano: este tema sonando repetidamente nun vello auto, 60 minutos de cinta escoitando ... to stop now... unha e outra vez, un bucle continuo, purgando as feridas de un desengaño, sendo consciente de que ninguén podia cantar a miña sensación interior como Otis naquel momento e naquela canción. O pasado, que volve ciclicamente...

O trio de cancións inesquencibles completao Ole man trouble, onde Otis canta á búsqueda da paz, de un sitio mental onde asentarse e deixar atras unha vida axitada. Guitarra afilada, ventos cortantes, voz desgarrada, con traxedias vividas. Un está vendo a historia de ese home que necesita tranquilidade, xa está canso de todo .

Todo o disco é unha viaxe fascinante pola historia da musica soul de do rock´n´roll. As tremendas reinterpretacións que fai de varios clásicos quedaron para a posteridade. O impulso que lle dou a outras cancións xa de éxito foi inmenso. My girl dos Temptations, que xa todo o mundo asocia con Redding, e que nos fai recordar todos os días a esa rapaza á que lle cantan, esa ...my girl... que fai que o mundo se pare, que nada importe e que todo quede fora da burbuja na que está ela e mais eu, ou Satisfaction dos Rolling Stones que tras pasar pola batidora rythm´n´soul de Otis queda irrecoñecible.

Un dos temas mais afamados do disco, Respect, foi roubada por Aretha Franklin para convertila en himno feminista, a pesar de que na concepción orixinal Otis simplemente implora respeto no sentido tradicional da palabra: necesita que a súa muller o estime, o aprecie, e lle de o seu respeto e cariño.

O sonido crudo, carnal tan propio da banda residente da Stax, Booker T & the MGs, a calidade musical de Isaac Hayes, e esa guitarra maravillosa de Steve Crooper inundan o disco. Otis era todo enerxía, que sabia transmitir ós que o rodeaban. A voz soa como se estivese contida, esperando a ser liberada en estampida pola propia inercia da canción. Cada momento ten a súa modulación adecuada, e a escoita do disco lévate en alfombra máxica a un mundo de soños mais cerca do que parece da realidade terrenal.

Non foi facil escribir estas liñas, demasiadas emocións liberadas dende un pasado non lonxano e hacia un futuro de incertidume. Otis cantaba como se aquela canción fora a última, ¿ por qué non somos nos capaces de vivir así?

No hay comentarios:

Publicar un comentario