por Marcosdeaurita.
“No son longos, os días de viño e rosas: dun soño nebuloso xorde o noso camiño, para perderse dentro doutro soño” Ernest Dowson
Os bos momentos son tan efímeros como a vida mesma, obrigandonos a sentilos e vivilos con máis intensidade. Iso mesmo lles sucedeu no outono de 1982 a un grupo de mozos californiano que, baixo o nome de The Dream Syndicate, abrazaron creativamente a costa leste e os anos sesenta, nun idilio que se prologou durante estes días de viño e rosas, que se foron pouco despois dunha aloucada gravación express que concentrou todo o frenesí e o talento dun grupo de rock de guitarras, nun disco que parece desbocado, pero que en ningún momento perde o control, aínda que sexa bailando permanentemente no límite. A experiencia tornouse irrepetible.
Pero a historia comezara algo antes, en 1981, cando Steve Wynn, que contaba con apenas 21 anos, decide poñer a proba o seu talento nunha deslumbrante sesión chamada '15 Minutes', grabada por el mesmo na súa propia casa. Estamos na época do 'Do It Yourself', o espiritu punk esta moi presente no mundo do rock e moitos abrense camiño deste xeito. Nesta gravación anticipanse as claves do son que definiría un icono do rock americano: 'The Days Of Wine And Roses'. Wynn asina oito das nove cancións do disco, e xunto a el un elenco de luxo formado pola baixista Kendra Smith, compañeira de universidade de Steve, o batería Dennis Duck e o salvaxe, desbocado e talentoso guitarrista Karl Precoda.
Rock de guitarras non é só unha cualidade descriptiva da música de The Dream Syndicate, senón tamén unha declaración de intencións, nun momento no que os sintetizadores borraran do mapa as seis cordas. 'The Days Of Wine And Roses' é un disco adiantado á súa época, cun son que non atopa semellante en 1982, coma se dun eslabón perdido se tratase, e que segue a soar actual hoxe en día.
O disco comeza coas potentes guitarras de 'Tell Me When It's Over', un medio tempo delicioso no que esta moi presente o Neil Young máis eléctrico. En 'Definitely Clean' a enerxía punk de coetáneos seus como Gun Club xorde nun tema no que novamente as guitarras dominan a escena, algo que en 1982 era toda unha afrenta ao sitema establecido, e que os relegaba ao underground e a categoría de proscritos. O mesmo impetu repitese en 'Then She Remembers' un tema velvetiano acelerado ao triple de revolucións, o que provoca unha desatada loucura garaxeira. Antes, un dos momentos máxicos do disco 'That´s What You Always Say', que xa formara parte do citado '15 Minutes'. Podemos dicir que nos atopamos ante un hit, un número 1, un tema que o ten todo para poder ser considerada unha das mellores cancións pop do seu tempo.
A paradigmática 'Halloween', asinada por Precoda (a única non composta por Wynn), convertirase nun referente para moitas bandas posteriores que se beberon desta fonte, como Galaxie 500 ou Yo La Tengo que teñen unha innegable débeda con este disco. Aquí, Precoda, mostra un estilo máis clásico e menos desaliñado que no resto do álbum.
A angustia e a melacolía contidas de 'When You Smile' (“Cando ti sorrís, non sei qué facer / Porque podería perder todo en un ou dous minutos / E parece que ven o fin do mundo / Cando ti sorrís”) deambulan collidos da man da luminosidade a ledicia e a inxeniudade sen deixar claro en ningún momento a que lado están.
'Too Little, Too Late', con Kendra Smith na voz, desprende un aire velvetiano warholiano (se se admite o termo). 'Until Lately' mostra unha cara diferente, menos tensa e máis desenfadada, mostrando a súa versatilidade. Jonathan Richman xa pasará por alí.
Ao longo do disco, as tormentas eléctricas alternan con momentos de calma tensa debaténdose entre o desorde e a precisión, ata chegar ao tema final, co mesmo título que o disco, onde os californianos pechan con máis de sete minutos de desenfreno eléctrico, nunha incrible descarga de intensidade onde todo estoupa polos aires, rematando así os efímeros días de viño e rosas, que se irán para sempre, e que só voltaran cando a agulla se pouse neste incrible disco, roubándolle momentos ao pasado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario