jueves, 29 de marzo de 2012

SONIC YOUTH. Daydream nation. 1988

por Marcosdeaurita

Para unha banda que anda sempre no camiño da experimentación, co tempo é difícil non acabar soando decadentes. Sonic Youth, sen embargo, comezaron soando decadentes, para logo atopar un equilibrio que non abandonarían case nunca ao longo da súa carreira, cunha linguaxe sónica que explora territorios ata entón descoñecidos. Os reis do ruído, como adoitan ser chamados, acadan notoriedade nos albores da explosión do rock alternativo, despois de medraren na latente e prolífica escena underground americana dos oitenta, e acaban por converterse nos gurús da experimentación e o ruído. Desde aí deixan unha pegada que fai que a súa influencia transcenda a todo o rock.

Nacen no entorno dunha manifestación artística denominada No Wave, unha sorte de contracultura da contracultura, unha reacción nihilista contra a domesticación do rock e inimiga dos convencionalismos. Isto provoca uns inicios nos cales a banda explora novos sons na vangarda musical de Nova York cun marcado carácter noise. Experimentan con ritmos atonais e repetitivos, xogando entre a disonancia e a distorsión e usando afinacións alternativas pouco habituais ata entón. Na procura de sacarlle á guitarra novos e estraños sons, exploran diferentes posibilidades, como introducir elementos baixo as súas cordas. As súas primeiras incursións neste universo sonoro de harmonías e distorsión sería da man do mestre Glenn Branca, co cal deron os seus primeiros pasos os guitarristas Thurston Moore e Lee Ranaldo, na banda Glenn Branca Ensemble, compartindo experiencias con futuros membros doutras bandas da gran mazá coma os Swans ou Helmet. esta impresionante

‘Daydream Nation’ representa o equilibro para Sonic Youth, e pecha unha triloxía que comezara con ‘E.V.O.L.’(1986) e ‘Sister’ (1987), logo dunhas primeiras obras máis inaccesibles. Neste disco alcanzan ese punto no cal a experimentación e as estruturas máis convencionais se atopan. O álbum combina longas pasaxes instrumentais mezcladas con ruidosas explosións de guitarras distorsionadas entre enmarañados ritmos acelerados e melodías conscientemente desafinadas. A diversidade expresiva e interpretativa de Gordon, Moore e Ranaldo enriquece unha proposta xa de por si apaixonante desde a perspectiva creativa.

Unha suxerinte voz feminina susurra “spirit desire..., spirit desire..., spirit desire… we will fall" …unha explosión sónica de guitarras que soben e baixan inundan os nosos sentidos nun espectacular xogo harmónico. Soa ‘Teen Age Riot’, que abre esta obra mestra, incluída no arquivo da Biblioteca Americana do Congreso, algo só reservado a obras de moita relevancia. Todo soa como unha ensamblaxe perfecta, todo acoplado e sen fisuras. Sen tregua segue 'Silver Rocket', un trallazo punk que se vai diluíndo e consumindo durante case noventa segundos para logo renacer das súas propias cinzas. Aquí demostran a súa capacidade para construír e deconstruír cancións, difuminar e disolver melodías, para logo recuperalas, cando xa parecía que o caos se apoderara de todo, algo que tamén acontece en ‘Total Trash’. A voz de Kim Gordon é a protagonista na fermosa ‘The Sprawl’ e na enérxica interpretación de ‘’Cross the Breeze', ("quero saber, se debo quedar ou marchar?"), cunhas longas pasaxes instrumentais con Moore e Ranaldo unidos en medidas e distorsionadas improvisacións. ‘Eric's Trip’, ‘Hey Joni’ e ‘Rain King‘, soan diferentes, cantadas pola dylaniana voz de Lee Ranaldo, convertido nunha especie de crooner futurista.

A estrañísima ‘Providence' precede á marabillosa 'Candle', como a obra do pintor alemán Gerhard Richter que ilustra a portada. Trátase probablemente un dos mellores temas de toda a súa discografía, e combina todas as cualidades que definen a banda. O ritmo angustioso e urxente de ‘Kissability’ dá paso á triloxía final: ‘The Wonder’, ‘Hyperstation’ e ‘Eliminator Jr.’, que pechan un álbum cheo de contrastes rítmicos e sonoros recollidos baixo un mesmo prisma conceptual, tan críptico como atraente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario