por Marcosdeaurita
“I got the modern sounds of modern Massachusetts”... Jonathan Richman, todo un personaxe dentro da historia da música moderna, tiña claro o seu lugar cando proclamou isto na mítica ‘Roadrunner’. Este himno, que pasaría á historia do rock, é a definición dun estilo de vida, dunha actitude para afrontar esa estrada cotiá que percorremos, infinita e sen retorno... e como a música nos evade e nos axuda a mostrar unha faciana máis optimista, a pesares de sabernos perdedores de antemán... cun destino inevitable: “Indo a máis millas por hora [...] encántame coa radio acesa / axúdame a estar só ata altas horas da noite [...] Non me sinto tan mal no coche agora / Non me sinto tan só, coa radio acesa".
Sempre á marxe das modas, creou un estilo e unha imaxe propios. Como dicía John Felice, veciño e amigo de Richman, gustáballe facer as cousas en solitario, posto que unha e outra vez lle propoñía montar unha banda e el negábase. Debedor tanto dos crooners como dos cantautores folk, tanto do rock’n’roll dos 50 coma do pop dos 60, a súa imaxe vai contracorrente, basta con ver unha foto dos propios Modern Lovers para decatarse. Richman co pelo curto e un aspecto sinxelo e minimalista rompía coas tendencias do momento, nunha época de cabelos longos, onde se impoñían entre outras estridencias, o estilo extravagante e teatral do glam. Mesmo resulta ser un auténtico straight edge, unha década antes de que existise sequera o calificativo, rexeitando os hábitos toxicómanos habituais nos músicos de rock da época, tal é como reivindica en 'I'm Straight', e todo iso, a pesares de convivir e establecer amizade con consumidores habituais.
Na súa volta a Boston despois da súa intensa pero infrutuosa estancia en Nova York, seguindo as pegadas da Velvet Underground e tentando facerse un oco na escena musical da cidade, contacta con Felice e para ledicia deste fundan The Modern Lovers. Estamos en 1970 e se Jonathan apenas cumpriu dezanove anos, John é un adolescente de quince. Despois dalgún que outro cambio, a principios de 1971, a banda consolidase con Jonathan Richman, Jerry Harrison (teclados), Ernie Brooks (baixo) e David Robinson (batería), con aparicións esporádicas á guitarra de John Felice, cando llo permitían os seus estudos, as cales se irán reducindo ata desaparecer.
Logo de labrarse unha boa reputación en directo, espertan o interese dalgunha compañía e en 1972, pasan varias veces polo estudio de gravación. Na mesma semana de marzo gravan practicamente todo o material do que máis tarde se publicaría como disco. Dunha sesión con John Cale para Warner son seis cancións, mentres que 'Girlfriend' e 'Modern World', son gravadas con Mason & Apere para A&M. Dos nove temas iniciais cos que sairía o disco, só 'Hospital' non é desas datas, sendo rexistrado un ano antes pola banda noutra gravación. Posteriores reedicións do disco recollen outros temas gravados nesas sesións e noutras futuras con Kim Fowley aos mandos, entre eles o imprescindible 'I’m Straight' ou 'Dignified and Old' e 'Government Center'.
Aínda que musicalmente bebían directamente da Velvet Underground, o espírito xuvenil e alegre de Richman contrastaba coa escura e decadente mirada de Lou Reed. O álbum semella un tratado sobre a procura do amor, expresado nas desventuras dun amante moderno, que coma un trobador recita as súas miserias alleo á música que soa, mentres cun aire adolescente se laia das súas infrutuosas andanzas. A estas alturas sobra dicir que se trata dun monólogo creativo do propio Jonathan Richman, que capitaliza case completamente todos os temas.
Se en ‘Roadrunner’ “a autopista é a túa noiva”, no resto das cancións o amor está presente, sempre cun alento moi xuvenil, coma en ‘Astral Plane’: “Esta noite estou só no meu cuarto / volvereime tolo se non dormes comigo / eu estarei contigo / reunireime contigo no plano astral”. Riscando a guitarra a través do son hipnótico e intenso do Farfisa introducímonos de cheo en ‘Old World’, onde reivindica os clásicos e salda a súa débeda con eles, pechando logo o circulo con 'Modern World' e o seu sarcástico "I'm love with the USA". Ironía e sarcasmo sempre presentes, igual que na caótica pero consistente ‘Pablo Picasso’, escrita en colaboración con John Cale, sendo así a única que non asina so o xenio de Boston. A electrizante e urxente ’She Cracked’, supón a enésima versión dos seus problemas coas mulleres. Trátase dun tema moi punk que ben puido ter asinado o propio Johnny Thunders. ‘Hospital’,é unha canción reconfortante á vez que triste, un amor fatal é o fío condutor que envolve unha relación contraditoria: “déixame volver á túa vida / non soporto o que fas / pero estou namorado dos teus ollos”. ‘Someone I Care About’,en busca do amor sincero e comprometido, como a fermosa balada ‘Girlfriend’,unha canción núa, un alegato post adolescente na procura do amor verdadeiro.
As tentativas de levar adiante o disco prolónganse polo menos aínda un ano máis, e no medio de todos estes enredos, múltiples gravacións e vaivéns xeográficos, Jonathan Richman perderá o interese en publicar unhas cancións que parira facía xa demasiado tempo e que xa non reflectían a súa alma. Cando finalmente se publica o álbum ‘The Modern Lovers’ en 1976, a banda xa levaba separada desde 1974, debido principalmente ao distanciamento estilístico de Jonathan Richman co resto do grupo. Isto reflictese en que case ao mesmo tempo deste lanzamento, el se presenta co seu novo combo, mantendo case o mesmo nome (Jonathan Richman & The Modern Lovers), e cunha proposta musical evolucionada e moi diferenciada daquela recollida nas sesións de principios da década, e que supón o comezo dunha prolífica carreira en solitario.
Os demais compoñentes dos Modern Lovers acabarán nalgunhas das bandas máis influentes e importantes da época. Deste xeito, John Felice, funda os Real Kids, unha fantástica banda punk rock. Jerry Harrison unirase aos Talking Heads, mentres David Robinson marchará facerse cargo das baquetas de The Cars. Pola súa parte, Ernie Brooks pasa a ser o baixista habitual de Elliott Murphy. Case nada...
A pesar da aparición de bandas tan interesantes como os Stooges ou MC5, nos 70 foron habituais as efémeras aventuras de bandas importantes na historia do rock como a Sonic’s Rendezvous Band ou os Nerves, nunha escena musical que estaba maioritariamente copada por bandas de hard rock ou rock sinfónico, algunhas das cales tiñan unhas pretensións musicais grandilocuentes que se estendían máis aló dos dez minutos. Igualmente fugaces, os Modern Lovers, cun estilo cru e sinxelo, persoal e directo, ían influír en toda a xeración punk anos máis tarde, non só musicalmente, senón tamén pola súa actitude e autenticidade.
"Don't feel so alone, got the radio on ”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario