Post-rock, post-hardcore, post…, está claro que Slint semella ser algo post. Sen embargo, 'Spiderland' é un deses discos precursores, que cambiou a forma de escoitar e entender o rock e pode ser considerado cando menos unha encrucillada de camiños, derrubando moitos convencionalismos e abrindo as portas a novos universos sonoros moito máis eclécticos e menos ríxidos.
O mesmísimo Steve Albini apostou polos de Louisville e gravoulles xa en 1987 o experimental ‘Tweez’. Pero ese debut quedaba moi lonxe da obra que asinarían anos despois, e ninguén podía esperar a esas alturas que puidesen cambiar a configuración do que entendiamos por rock e darlle un novo xiro.
Slint xoga cos contrastes, unha fermosa foto en branco e negro ilustra a portada, unha plácida imaxe que se contrapón radicalmente ao que o disco garda no seu interior. ‘Spiderland’ pinta un mundo inhóspito e tenebroso, de pesadelo, cheo de estraños e inquietantes seres que parecen vagar resignadamente por ese inferno. O álbum vai discorrendo por diferentes pasaxes, medrando en intensidade de principio a fin, xogando con permanentes cambios de ritmo que transmiten estados de ánimos. Os instrumentos contribúen a dar énfase á historia, mesmo participando dela; e as letras, susurradas ou recitadas máis que cantadas por Brian McMahan, son escuras e desoladoras.
O disco abre con ‘Breadcrumb Trail’, que é como unha montaña rusa, arriba e abaixo, a un lado e ao outro. ‘Nosferatu Man’ é a banda sonora da vida dun vampiro, na cal as afiadas guitarras contribúen a crear o ambiente axeitado para as andanzas do protagonista. ‘Don, Aman’ é un dos temas máis crus e intensos, cunha rabia contida durante case toda a canción que desencadea ao final un arrebato de ira, unha ira contida contra todo e contra todos. Novamente a alucinante guitarra de David Pajo contribúe a dar énfase á historia. ‘Washer’ e ‘for dinner’ rebaixan o ton intenso do disco, pero non a súa escuridade, máis aínda acentúana.
‘Good Morning, Captain’ é simplemente sublime, enigmática e con moitos matices. Baseada no poema ‘The Rime Of The Ancient Mariner’ de Samuel Taylor Coleridge, que conta a inquietante historia dun vello capitán de navío. Se Slint creou un estilo propio, ou cando menos se definiu as bases del, este tema sería o paradigma. Un remate espectacular e escalafriante, un dos mellores momentos do rock de todos os tempos…
Despois da súa publicación, a banda disolveuse e o disco pasou practicamente desapercibido ata que cos anos foi gañando o recoñecemento que merece.
No hay comentarios:
Publicar un comentario