Desamor, …no lugar onde se confunden o ben e o mal, o ceo e o inferno, onde a distorsión se funde coa melodía e con anxelicais voces, doces cantos de serea que te atrapan se os escoitas o tempo suficiente... Kevin Shields atopou a pedra filosofal que moitos andaban a procurar. Despois disto xa nada sería igual nin dentro nin por suposto fora.
A evolución de My Bloody Valentine é canto menos curiosa. O grupo comezou sendo algo así como se os Jesus And Mary Chain de Psychocandy se atoparan con The Cramps, para acabar converténdose en profetas da melodía ruidosa.
Pero 'Loveless' é moito máis do que calquera podía esperar. Fráxiles voces con ecos, guitarras rasgadas co trémolo, pistas de batería e efectos de reverberación para crear diversas atmósferas idílicas e texturas que se asemellan ao famoso Wall Of Sound de Phil Spector. E aínda así detrás de todo non parece haber ninguen, semella que a música flúe libre a través do universo...
Desde a tormenta inicial de 'Only Swallow' o disco discorre por unhas paisaxes sonoras entrelazadas entre si. Pezas estrañas como 'Touched' combinadas con enérxicas descargas como 'When You Sleep' ou 'I Only Said'. As melodías etéreas de 'To Here Knows When', 'Come In Alone' ou 'Blow A Wish' súmente nun estado de ensoñación lixeiro e arrastrante cara ao infinito. En 'Sometimes' o disco alcanza un momento sublime cunha sensiblidade desgarradora, dentro dunha atmósfera prácida, chea de amor (ou desamor): “...atoparás a maneira en que o amor fire...”, “...permaneces de pé, vendo como me vou, non me importa que xirases a cabeza, esperando que che devolvese a mirada...”. 'Soon' é unha premonición... sendo definida por Brian Eno como un novo standard de canción pop. Con iso sobran as palabras.
Resulta difícil non deixarse atrapar polo misterio que rodea a xestación deste álbum, o que contribúe a engrandecer aínda máis a figura de Kevin Shiels e de My Bloody Valentine. O disco xestouse ao longo de tres anos, utilizándose ata 19 estudos de gravación diferentes e participando 14 enxeñeiros de son distintos. Mesmo se chegou a dicir que o custe da gravación levou á bancarrota a Creation Records. Alan McGee, propietario do selo desminteo dicindo que “Loveless non levou ao selo á bancarrota. É certo: tardaron moito en gravarlo, gastaron moitos cartos, pero nos tomábamos demasiadas drogas e estábamos fora de control”. Aparte, e a pesar do que din as malas linguas, McGee mostra a súa admiración e devoción por eles: “...aos Valentine conocínos nos oitenta […] cando os vin dinme conta de que efectivamente eran moi bos. Desde aquel día non podía negarlles nada.” Anos máis tarde Creation Records foi vendido a Sony por 30 millóns de dólares.
Do propio Shields tamén xurdiron unha serie de lendas entorno á súa figura, relacionadas coa súa inconformidade e o seu gusto polo perfeccionismo. O certo é que Kevin Shileds tiña na súa cabeza esta obra mestra desde o principio e non parou ata que a sacou fora, sendo na totalidade practicamente obra súa. Pero non foi capaz de sobrepoñerse a ella, e desde entón a súa carreira creativa é practicamente inexistente, con permanentes rumores sobre a gravación do terceiro disco de My Bloody Valentine.