lunes, 17 de diciembre de 2012

The Jesus And Mary Chain – Psychocandy (1985)


por Marcosdeaurita

A despedida entre Bob e Charlotte, metáfora da soidade da vida, co ‘Just Like a Honey’ sobre o fondo do bulicioso e solitario Tokyo, poñendo fin a unha historia chea de contrastes e novas sensacións.

Así se presenta tamén ‘Psychocandy’, cheo de contrastes e novas sensacións. Para experimentalo, mellor pechar os ollos e imaxinar unha viaxe cuns ruidosos surfistas punkis posuídos por un delirio en espiral que evoca a todos os desherdados da historia do rock'n'roll, algo escuro e decadente pero cun aire moi ‘cool’. Un desgarbado mozo golpea uns caldeiros do lixo mentres soa unha serra mecánica no medio dun xardín cheo de flores e ao fondo se escoita a inane monotonía vocal dun ser de cara sinistra e tétrica mais de corazón doce e melancólico... unha sorte de Frankenstein co pelo cardado. Toda unha experiencia!!!

The Jesus And Mary Chain crean cunha mirada calidoscópica que viaxa entre a psicodelia de 'Inside Me', o garaxe desenfreado de 'In A Hole' e 'The Living End', as melodías pegadizas de 'Taste Of Cindy' e 'You Trip Me Up' ou o pop máis intimista de 'Cut Dead' e 'Just Like A Honey'. Unha fusión de ritmos minimalistas e directos que soportan unha doce melodía pervertida e afogada de xeito premeditado baixo unha tormenta de distorsión e acoples, e cunha intensidade desenfreada ou pausada segundo vaian saíndo os demos ou as fadas. Unhas fadas vestidas de coiro negro e uns demos convertidos en xoguetes de plástico (“I'll be your plastic toy“). Ata daquela ninguén se atrevera a tanto.

É como sentir a sensación dunha froita doce cunha polpa que che corta a lingua. Evocando esa permanente antítese, esa eterna loita entre o ben e o mal, a mesma que figuradamente mantiñan as mans do reverendo Harry Powell. Anos máis tarde alguén saído dunha tétrica mina atoparía a pedra filosofal, a comuñón perfecta entre estes dous mundos, pero antes uns irmáns xa instigarán o caos do que xurdiu esa loita, na que nunca prevalecerá unha opción sobre a outra...