martes, 31 de julio de 2012

FUGAZI. 13 songs. 1989


por Marcosdeaurita

O mundo de hoxe, inexorablemente globalizado, imprime en nós un selo estandarizado que reflicte os mesmos problemas, gustos, alternativas, inquedanzas e fainos vivir mentalmente alonxados do noso entorno, homologando unhas realidades con outras.

Probablemente Ian McKaye fose un visionario cando creou en 1980 o selo Dischord, xunto cos seus compañeiros na banda Teen Idles, Jeff Nelson e Nathan Strejcek. Un selo cunha política dirixida a promover as bandas locais. Cun total desinterese en ser aceptado polo sistema e sen ningún aceno de mimetizarse cunha multinacional discográfica (a diferenza doutros moitos selos independentes da época que acabaron sendo absorbidas polas majors). Vender os discos e as entradas dos seus concertos a prezos populares e asequibles para todo o mundo, non gravar videoclíps, escoller moi ben a quen lle concedían entrevistas eran algunhas das premisas que marcaba o súa forma de entender a música. MacKaye non procuraba o éxito, só pretendía crear o seu propio sistema, un sistema orientado aos intereses da sociedade na que vivía, nomeadamente da escena musical de Washington DC, e non escravizado e vendido aos beneficios das ventas como a industria musical. Proba delo é que hoxe en 2012, pasados trinta anos, e despois de axudar a saír adiante a bandas tan fantásticas como The Nation Of Ulysses ou The Make-Up, Dischord Records segue fiel aos principios cos que foi creada. E por suposto Ian McKaye tamén.

Nun principio MacKaye, Nelson e Strejcek foron asociados co xermen da cultura straight-edge, un estilo de vida que inclúe o rechazo ás drogas e o alcol. Tras este primeiro paso MacKaye e Nelson deixarían unha fonda pegada no underground americano con Minor Treath, unha das bandas máis influíntes do hardcore punk dos oitenta xunto con Bad Brains e Black Flag. Minor Threat publicaron dous álbums e varios ep’s, cunha música directa e unhas letras intelixentes e incisivas. Despois disto MacKaye segue ca súa frenética actividade e crea Embrace, ata que en 1987 das súas cinzas e das doutra banda da escena local, chamada Rites of Spring nace Fugazi.

Ao frente da banda con MacKaye estará Guy Picotto, que ao igual que o baterista Brendan Canty, provén de Rites of Spring, unha banda deudora do legado de Hüsker Dü e asociados xunto a Embrace (novamente Ian MacKaye) do que logo se coñeceu como emocore, onde as principais diferenzas co hardcore atópanse na temática das cancións, máis intimistas e persoais. Sen embargo, esa clasificación sería rexeitada drasticamente por Picotto, quen ía a ser unha peza fundamental na faceta creativa e que ía poñer a reputación da banda en directo nun bó lugar, cos seus aloucados e eléctricos bailes e a súa fascinante interpretación vocal dos temas. Completará a formación o baixista Joe Lally.

Comprometidos con moitas causas sociais, Fugazi ofrecen concertos cos que recadar fondos para múltiples delas, ademais de dar actuacións xirando practicamente por cada recuncho dos USA e por case todos os países do mundo na súa furgoneta.

A banda desenvolve a complexa madexa do post-hardcore, un estilo que non é nin post-rock, nin slowcore, nin hardcore, nin punk... pero é todo ao mesmo tempo. Sube, baixa, arranca, para, susurra, berra... por eses sinuosos sendeiros se move a música de Fugazi, cunhas letras moi atrevidas, intelixentes, sinceiras e introspectivas, invitando á rebelión individual para construír unha sociedade máis xusta.

'13 Songs' son exactamente iso, trece cancións, o resultado dos dous primeiros Ep's da banda, os sete temas do Ep Fugazi e os 6 de Magin' Walker, compostos todos eles por MacKaye (6) e Picotto (7). Calquera dos dous ep's ten un nivel excelente por separado, pero xuntos acadan un resultado espectacular. O máis excitante para quen se achegue a eles e que isto só é o comezo dunha longa e incrible discografía.

Fugazi comeza coa mellor carta de presentación posible, 'Waiting Room', convertido xa nun clásico do rock, sendo un dos seus mellores temas e dos máis versioneados. A rabia e a frustración xuvenil percorren os cinco minutos da canción, nun alegato contra o inconformismo.

Outro momento estelar é 'Suggestion', unha das cancións máis aclamadas da banda, onde a protagonista é unha muller, que esta farta de ser vista como muller-obxecto. Con esta canción gañáronse as simpatías dos sectores máis tolerantes do feminismo, posto que as riot girls máis duras non gustaban de seren apoiadas por homes, xa que consideraban que a loita polos seus dereitos era patrimonio seu en exclusiva.

O álbum está cheo de enerxía contida unhas veces e desbordada outras, con temas como ‘Bulldog Front’; a inquietante e desgarradora ‘Give Me The Cure’; ‘Glue Man’ totalmente hardcore, chea de rabia e tensión; a acelerada e melódica ‘Margin’ Walker’, unha peza moi habitual no estilo da banda; ou ‘And the same’ unha dura crítica ao racismo e a violencia. 'Bad Mouth' reflexa o choque interxeneracional, de como aceptar e vivir co que se é en lugar de criticar aos que envexamos. Moi na liña vai ‘Burning’, en permanente calma tensa, invita ao oínte a tomar as rendas da súa vida e deixar de ser alienado polo sistema ao igual que a pegadiza ‘Burning Too’.

Pechan as sensacionais ‘Provisional’ e ‘Promises’, nunha liña moi emo, e entre medias ‘Lockdown’ cun ferinte e repetitivo riff de guitarra transmitindo inquietude e urxencia, a mesma coa que Fugazi nos invitou unha e outra vez ao longo dos anos a despoxarnos das ataduras da sociedade capitalista, deixando de ser remeiros presos desa galera endiañada que viaxa a ningunha parte, para poder navegar polo mar da vida na nosa propia embarcación e cara o rumbo que desexamos.