lunes, 18 de junio de 2012

NICK CAVE. Murder Ballads. 1996

Amor e morte. Duas caras da mesma moeda. Unha moeda que cando é lanzada ó aire sabes que traerá funestas consecuencias, pero ó mesmo tempo observas o seu brillo cos ollos dun neno de 5 anos que espera maxia no mundo. Nunca hai maxia. A cabeza, o corazón e o estómago dun mesmo é un lugar oscuro no que vivir, cheo de maldade e traxedia. Nick Cave, o xenio enfermizo, consciente sempre desta dicotomía, escupe na súa música esa negritude, ese pozo sen fondo, pero nunca con tanta beleza como neste Murder Ballads. A morte vista cara a cara. E de tanto mirala un acabase rindo, case abrazandoa, e en momentos fugaces de marabillosa intuición, convertea en amor. Asómate ás tebras, non te marees, e solta unha longa carcaxada, como se comprenderas a esencia do mundo. É o que fai Nick, con lirismo desbordante. Mareome....

Cando unha persoa se converte nun asasino? Todos o somos un pouco. ¿nunca quixeches matar a ninguén? ¿nunca te enamoraches de alguén a quen quixeras matar todos os días? Saca Cave do imaxinario colectivo unha serie de historias que as convirte en persoales, transformación de lendas populares en partes de un mesmo, en pezas do puzzle propio. O arrogante músico explota o seu estilo de crooner apaixoado e atormentado. Fasciname. Agónico discurrir polo lado maligno do corazon humano, viaxe só de ida, con un soplo de esperanza final. Embarcate no tren que te levará ó teu inferno persoal.



Ese tren discurre mirando a varias historias de asasinos en serie, tremebundos e malignos contos que poñen os pelos de punta, cada canción é unha porta a un mundo de sangue, morte e maldade.

Song of Joy, a mais terrible do disco, fala de como un médico sae a curar un enfermo e ó volver atopa morta a toda a súa familia. Cave conta a impactante historia como un deses narradores viaxeiros de antaño. Ese narrador que palabra tras palabra fai surxir o escalofrío no ointe: él era ese medico, e agora vaga polo mundo contando a sua traxica existencia. Helaseme a sangue. Creo que os matou el mesmo. O vento parece aullar mentras Cave canta. Fai frío. Teño ganas de matarte.
Stagger Lee, enfático personaxe, capaz de voarche a cabeza por calquera nimiedade. Botano da casa e lanzase a recorrer mundo armado co seu Colt 45. Acaba a tiros nun lonxano e mugriento bar por culpa dunha puta. Que cousas. Amor a primeira vista? Ganas de sexo rapido? Ou simplemente é que queria pegarlle catro tiros ó primeiro que llo pedira... Teño ganas de matarte.

Love Creature, canción ou xemido, realidade onírica, vento do deserto aullando. Parece unha pausa do medio da tormenta.
Where the Wild Roses Grow, con Kylie Minogue, ou como enamorarte dun asasino. El levaa ó río, ese río da vida e da morte, bicaa e mataa. Toda beleza debe morre, di... Preciosa, terrible. A sangue baixa pola auga, e el dase a volta e marcha. Quero matarte asi.
The curse of Millhaven, ou esa cidade maldita onde todos estan destinados a morrer. Inevitable fin. Lottie, rapaza de ollos preciosos e 15 aniños que vaga pola canción, confesa ter matado a moitos mais do que parece. Belcebú con ollos verdes...

The kindness of strangers, tristisima historia dunha inocente xoven que trata de buscar a sorte na vida e se atopa coa maldade personificada no seu asasino, que lle pegou un tiro e deixouna atada a unha cama. Ganas de chorar, cando se pon Anita Lane a cantar e literalmente irrumpe en sollozos contaxiosos. Que triste é todo. Ganas de matarme.  

Crow Jane, blues arrastrado e o´Malley´s bar, historia dese veciño que conta como mata xente durante 14 minutos de cancion, e sinte unha leve erección ó soltar toda a súa paranoia, levannos a Death is not the end., tema de Bob Dylan, que canta Cave rodeado de amigos tentando dar unha mensaxe algo esperanzadora despois de tanta miseria. E un pouco tarde, non che parece, Nick.

Para o final deixo Henry Lee, a miña favorita. Interpretada xunto a PJ Harvey, relata como o amante é apuñalado por ela cando este lle conta que xa ten outra muller. Belísima, non podo parar de escoitala. Mulleres que matan ou morren brutalmente, pero que antes diso aman ou son amadas. A realidade supera á ficción, e Pj case acaba co matrimonio de Cave tras unha relación apaixoada. Aterradora beleza, amor fugaz, calor de dous corpos ansiosos... ¿é música no aire ou é a nosa propia vida? Non o sei. So sei que xa non te quero matar... porque te amo demasiado.