por Marcosdeaurita
Taking drugs to make music to take drugs to… (Tomando drogas para facer música para tomar drogas…). Este loop, ademais de ser o nome dunha das primeiras sesións gravadas por Spacemen 3, é toda unha declaración das súas intencións. Qué foi primeiro?...
En 1987, dous brillantes mozos de 21 anos entran nos estudos VHF Sound Centre de Rugby para gravar o seu segundo álbum, ‘The Perfect Prescription’. Peter Kember e Jason Pierce, mais coñecidos como Sonic Boom e J. Spaceman, son os culpables dun amalgama sonoro onde prima o minimalismo, a repetición, o feedback..., con influencias do blues, do soul e da psicodelia, dando vida a un universo cheo de novas sensacións, para quen queiran probar algo novo.
‘The Perfect Prescription’ é unha experiencia radical, unha viaxe ao lugar no espazo-tempo ao que todos queremos ir cando pechamos os ollos pola noite, ese lugar que cadaquén ten idealizado e mitificado persoalmente. Ese lugar que é diferente para todos pero que evoca os mesmos sentimentos… ese paraíso.
Spacemen 3 acadan aquí un nivel incrible, a compenetración entre Kember e Pierce é perfecta. Atópanse nun momento de eclosión creativa excepcional. Estamos ante a confluencia de dous xenios que logo tomarían camiños diferentes. Pat Fish, líder da banda The Jazz Butcher, quedou alucinado deles desde o comezo, dicindo que Spacemen 3 eran extraordinarios, e que nunca vira nada igual.
Este experimento sonoro comezará xa tres anos, nunhas sesións nas cales aínda estaba lonxe sequera o primeiro disco, pero onde xa se rexistraron unhas primixenias versións de Walking with Jesus’, ‘Things'll never be the same’ e ‘Come down easy’. Kember describiu ‘The Perfect Prescription’ como "unha especie de álbum conceptual, que trata das nosas mellores e peores experiencias coas drogas". E xa que é un álbum de experiencias, nada mellor que o tempo para acumulalas. A banda bota máis de oito meses nos estudos VHF, un tempo que lles permitiu experimentar e perfeccionar o seu son. Kember e Pierce encárganse da produción e reducen a cantidade de overdubs de guitarra para que os temas puidesen soar máis directos. O fuzz e o trémolo son dous efectos esenciais do son de Spacemen 3, cos cales crean atmosferas hipnóticas, unhas veces sobrecargadas e outras transmitindo serenidade e profundidade.
As cancións son como pequenos paraísos artificiais, que invitan a cruzar ao outro lado para vivir novas experiencias extrasensoriais e a evadirse a outros lugares, sempre á procura de estados de ánimo que alteren a mente. 'Take me to the other side’ marca o comezo desa viaxe (“vamos nena colle a miña man / e camiñemos pola area / iremos a lugares nos que non estivemos / veremos todas as cousas que non vimos”). A travesía vai discorrendo paseniño pola suave ‘Walking with Jesus’, seguida da repetitiva ‘Ode to Street Hassle’. O experimento sonoro ‘Ecstasy Symphony’ lévanos ao climax coa marabillosa ‘Transparent Radiation’, unha canción que pode trasladarnos a un atardecer, nun lugar solitario, o laranxa do sol vaise confundindo co azul escuro do ceo e unha melodía que o atravesa, un son etéreo que o vai enchendo todo… e despois, un sentimento de felicidade indescriptible… ‘Feel so good’.
A partir de ai o experiencia torna cara abaixo, coa calidoscópica ‘Things'll never be the same’, e comezase a caer suavemente con ‘Come down easy’ ata rematar a viaxe con ‘Call the doctor’, vencido, nostálxico, anhelando esa efémera felicidade, que sempre nos abandona. Se estivese, sempre, ata o final, enchendo de sentido o universo, ata que todo volva a ser irremediablemente igual… de real. Esa doce condena destruirao todo…, pero igualmente a vida tamén o fará. Por iso mellor será que o seu final sexa o meu tamén.